POR QUE PRECISAMOS UNHA LEI GALEGA DE EDUCACIÓN?

A LOMCE é unha lei que foi aprobada unilateralmente polo Partido Popular e que contou desde o primeiro minuto coa oposición frontal da comunidade educativa galega. A historia da LOMCE é unha historia de despropósitos, desde as reválidas que se viron obrigadas a paralizar por mor das contundentes mobilizacións estudantís até a blindaxe que realiza dos concertos con centros privados, mentres os públicos reciben cada ano menos axudas e mesmo se eliminan unidades educativas e se pechan centros. O Decreto do 3+2, cuxa aplicación se prevé inminente para os graos de nova creación, é unha aberración que leva máis alá o Plan Boloña e que pretende que sexa unha elite cada vez máis reducida a que poida permitirse acceder aos estudos superiores. Ademais, na universidade, ao igual que nos institutos, o español é a lingua vehicular claramente maioritaria á hora de impartir materias, e a aprendizaxe da historia e da realidade galegas está totalmente ausente dos temarios. O panorama do noso ensino é desolador, asolagado polas imposicións españolas e europeas que afondan na privatización da educación e que ignoran por completo as particularidades do noso país. Desde Erguer. Estudantes da Galiza queremos debullar brevemente como sería un modelo educativo que realmente analice as necesidades do noso ensino para darlles resposta: unha Lei Galega de Educación, integral para todos os niveis educativos.

Un ensino accesíbel para todas


É imprescindíbel a eliminación de calquera concerto ou subvención con centros privados, especialmente con aqueles que segregan por cuestión de xénero e que reciben agora mesmo cartos da Xunta de Galiza. A Lei Galega de Educación (LGE) non pode permitir que os centros públicos continúen con carencias mentres aqueles que non son accesíbeis para as fillas da clase traballadora reciben cada ano máis axudas.

Precisamos, aliás, a total supresión das taxas universitarias e das tarifas para a realización de probas de avaliación, así como a gratuidade plena dos libros de texto. É fundamental que se rebaixen as cada vez máis duras restricións académicas para o acceso a becas e Bolsas, e que todas as estudantes que as precisen pola súa situación económica poidan ter acceso a elas. 

A LGE debe apostar por ofrecer os recursos necesarios ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e con necesidades específicas na aprendizaxe. A LOMCE realizou o seus recortes máis duros neste apartado tan importante para a atención á diversidade entre as alumnas, uniformizando o ensino como se todas tivésemos que aprender do mesmo xeito. 

Un ensino en galego

O actual modelo educativo é unha tremenda agresión ao noso idioma, no que se imparten, na Secundaria, entre 10 e 13 horas lectivas menos que en español. Na Universidade a situación é aínda máis sangrante, con só unha de cada cinco horas impartidas en galego. A normalización plena da nosa lingua pasa por un aumento exponencial da súa presenza no ensino, pola regulación do idioma vehicular nas materias da Universidade e porque Lingua e Literatura Galegas recupere o seu status de materia troncal, despoxado pola LOMCE.

Un ensino de calidade

É esencial un aumento da partida orzamentaria destinada ao ensino, no canto dos case 2000 millóns de euros que Feijóo leva recortado desde que goberna. O ensino debe ser un servizo e non un privilexio, un ámbito moito máis prioritario para a Xunta e que sexa tratado coa relevancia que ten como espazo de formación.

Nesa liña, precisamos instalacións dignas e suficientes –así como un material técnico renovado e en bo estado nas nosas facultades– e a eliminación dos recortes en profesorado: é inadmisíbel que por culpa destes, os centros non poidan ofertar as materias máis demandadas polo alumnado ou que teñan que ter a profesoras impartindo aulas que non son da súa competencia.

Un ensino pedagóxico

A LGE debe ser tamén un vehículo para racharmos co modelo antipedagóxico que nos impuxo sempre o Estado español, tanto coa LOMCE como con todas as leis anteriores: desde a Selectividade até as reválidas, o patrón foi sempre reducir etapas educativas enteiras e anos de aprendizaxe a unha única proba. Pularmos pola avaliación continua, pola confianza no labor profesional do profesorado e polo seguimento individualizado das alumnas será o que marque a diferenza entre que o ensino sexa realmente un espazo de formación crítica ou que, como ocorre agora, o importante non sexa a aprendizaxe, senón vomitar contidos nun exame. Non interesa que pensemos por nós mesmas, e iso ten que mudar radicalmente.

Un ensino democrático

A Lei Galega de Educación ten que outorgar aos Consellos de Goberno e Claustros Universitarios e aos Consellos Escolares moitas máis competencias, e estabelecer neles unha representatividade máis equitativa e un funcionamento máis democrático. É esencial que impidamos que sexan cargos designados a dedo e representantes da patronal os que xestionen o noso ensino, no canto da propia comunidade educativa.

Un ensino pensado por e para Galiza

Ademais da recuperación e conquista de competencias que agora pertencen ao Estado español que suporía a creación dunha Lei Galega de Educación, é tamén fundamental que sexan devoltas á Xunta as competencias en xestión de contidos roubadas pola LOMCE. Precisamos estudar e coñecer a nosa historia, a nosa cultura e todas as particularidades que presenta o noso país en todos os campos de coñecemento, rachando así coa uniformización españolizadora imposta polo Estado.

Do mesmo xeito, un ensino pensado desde o país é un modelo deseñado pola comunidade educativa galega, ao contrario que a LOMCE e o 3+2, deseñadas sen contar para nada con profesorado e demais persoal dos centros, estudantes nin familias. Por iso, desde Erguer. Estudantes da Galiza queremos impulsar o inicio dun proceso de construción da alternativa das estudantes galegas á LOMCE e ao Decreto do 3+2, mediante ducias de Asembleas Abertas por todo o país nas que construamos propostas para elaborarmos un modelo de ensino de noso.

SÍGUENOS NAS REDES!